A xestión na área de Benestar Social ten como prioridade atender as necesidades básicas de persoas e familias. Estas necesidades mudan co tempo e na situación actual, ademais de atender as situacións carencias habituais, temos engadida a obriga de mitigar as repercusións da crise económica na que vivimos, intentando que a escaseza de recursos económicos non provoquen procesos de exclusión social. Para isto debemos atender as persoas extremando as precaucións para non provocar unha estigmatización derivada da nosa intervención. O obxectivo transversal é respectar ao máximo a dignidade e intimidade da vida persoal e familiar de usuarios e usuarias.
A actual situación de crise económica afecta tamén ao financiamento dos servizos sociais, precisamente no momento no que son máis demandados, e a pesar do compromiso político do grupo de goberno do Concello de Teo de priorizar as políticas sociais, non podemos evadirnos dun factor determinante na nosa planificación. É por isto que sen abandonar os enfoques propios do estado do benestar, na presente lexislatura debemos dinamizar os recursos ociosos do noso contorno, e ninguén mellor para iso ca cidadanía e o tecido asociativo. Esta é outra das nosas principais apostas, dinamizar os recursos comunitarios existentes e potenciar o nacemento e desenvolvemento doutros para satisfacer as necesidades sociais.
As familias con nenos ou nenas menores de 12 anos teñen que enfrontarse a moitas dificultades para poder conciliar os distintos roles que a sociedade actual nos obriga a desempeñar. Intentar que esta dificultade sexa un pouco menor é o obxectivo co que se desenvolven as actividades de conciliación. Para adaptarnos ás súas necesidades escoitaremos a súa opinión para regular estas actividades, e ampliaranse na medida do posible. Os nenos e nenas que non poden estar con seus pais nos tempos de descanso escolar merecen todo o noso esforzo para que a calidade dese tempo sexa a mellor posible, as enerxías a para unha concepción sería e sólida das actividades de conciliación non son nunca moitas.
Ignacio Iglesias xestiona tamén Servizos Básicos, Participación Veciñal e Persoal.
Contacto: ignacioiglesias@teo.gal
Ignacio Iglesias

Ignacio Iglesias Villar naceu en 1965 na Casalonga, en Calo (Teo). É Diplomado en Traballo Social e Graduado en Relacións Laborais, con master de especialización en Sexoloxía na Universidade de Alcalá de Henares e Drogopendendencias en Santiago de Compostela.
Traballa dende hai anos como xerente do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, e durante tres anos foi o coordinador dos Centros Quérote da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.