O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
O Servizo de Bono Social Eléctrico reanudarase o mércores 2 de setembro, de 10.00 a 12. 00 horas, no Salón de Plenos
A alcaldesa, Lucía Calvo de la Uz, acompañou esta mañá á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, na súa visita ao lugar de Eo dos Menecos, para supervisar os traballos de asfaltado levados a cabo nesta aldea.
As actuacións levadas a cabo consistiron na mellora do firme no viario de titularidade municipal que atravesa e bordea toda a aldea, co fin de garantir unha circulación segura e cómoda para todos os usuarios. Así, asfaltouse un tramo de 1.300 metros lineais, o que supuxo a aglomeración dunha superficie total de 3.235 metros cadrados. Ademais do recrecido de tapas ata a cota final, tamén se limparon cunetas e se sinalizou debidamente, tanto horizontal como verticalmente.
Este proxecto, que se executou mediante un convenio de colaboración coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, permitiu arranxar un viario que estaba completamente deteriorado, debido á antigüidade do último pavimento realizado, as inclemencias meteorolóxicas e o propio desgaste ocasionado polo tráfico de vehículos diario.
A rexedora puxo en valor esta intervención de conservación e mellora do firme existente nesta aldea, situada na parroquia de Oza, pois garante a correcta mobilidade, o acceso ás vivendas e parcelas, a prestación de servizos e a propia seguridade dos usuarios, tanto condutores como peóns.