O CIM solicita axuda para crear unha exposición sobre o papel das mulleres

21-08-2019
Exposición mulleres

Poñer en valor o traballo feminino é unha das liñas de actuación da Concellaría de Igualdade como parte importante da visibilización das mulleres deste concello. Téñense realizado homenaxes ás leiteiras ou ás costureiras e agora queremos que nos axudedes coa montaxe dunha exposición e dunha creación audiovisual que recolla as imaxes e/ou testemuños do traballo das mulleres de Teo.

Estes proxectos de recompilación fotográfica e testemuños pretenden rememorar e pór en valor o pasado ás novas xeracións apelando a unha memoria compartida.

Precisamos da colaboración da sociedade teense para que nos fagades chegar fotografías ou testemuños das mulleres das vosas familias que reflictan a súa realidade laboral.

A data límite para a recollida do material é o 18 de setembro. No caso das fotografías serán dixitalizadas, polo que non as teremos durante moito tempo. En canto aos testemuños, concretaremos sesións de gravación en función da dispoñibilidade de cadaquén.

Para máis información podedes poñervos en contacto co Centro de Información ás Mulleres (CIM) no enderezo electrónico cim@teo.gal ou no teléfono 981 938 475.