O Concello realiza un programa de reforzo educativo con escolares dos centros escolares

03-12-2017
Reforzo educativo

Un ano máis á área de benestar do Concello de Teo está a desenvolver un programa de reforzo escolar con alumnado de primaria e secundaria dos distintos centros educativos do municipio. Esta acción realízase a través dunha subvención do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.


As actuacións neste ámbito deron comezo no ano 2013 e a partir desa edición fóronse introducindo cambios que procuraron a ampliación tanto temporal como en número de persoas participantes na actividade. No actual curso escolar 2017-2018 deu comezo no mes de outubro e prevese que continúe ate xuño, proporcionando atención a unha vintena de rapazas e rapaces.
A actividade distribúese en catro grupos, dous deles de secundaria e dous de primaria, nos que se procura unha atención personalizada centrada nas necesidades do alumnado. Desde este enfoque, poténcianse as competencias básicas de cada participante, promóvense hábitos de estudo e aséntanse as bases para unha aprendizaxe autónoma e máis satisfactoria. Así mesmo, nestas aulas refórzanse coñecementos e resólvense dúbidas sobre as temáticas que están sendo abordadas na escolarización ordinaria, incrementándose as expectativas de éxito escolar, non só por parte do propio alumnado, senón tamén das súas familias e profesorado.


O programa é coordinado polo Servizo de Educación e Apoio Familiar dos Servizos Sociais Municipais e procura a máxima colaboración cos equipos docentes dos centros educativos nos que se atopa escolarizado o alumnado. Este traballo conxunto desenvólvese tanto no proceso de avaliación de necesidades como no seguimento e avaliación final de cada participante.
Para o seu desenvolvemento, nesta ocasión, cóntase co financiamento da Xunta de Galicia e da Unión Europea. A subvención é de algo máis de 9000 euros e cubre a actividade para o curso actual.

Fondo Social Europeo, o FSE inviste no teu futuro

Os gastos asociados á contratación do servizo socioeducativo que desenvolve as clases de reforzo contan con financiamento do FSE no marco do obxectivo temático “promover a igualdade, a saúde e a inclusión social”.