Concello de Teo


Portada | Actualidade | Novas

Compartir:

Novas

CULTURA

O Concello anímate a elixir a túa palabra preferida do galego

15/04/2009

O Concello de Teo comeza as actividades coas que conmemorará a celebración do 17 de maio, Día das Letras Galegas. O Departamento de Cultura anima a todas as persoas que queiran a elixir a súa palabra preferida do galego.

Participar nesta iniciativa é moi sinxelo. Só hai que enviar as tres palabras elixidas ata o día 15 de maio ao Departamento de Cultura. Para eso poden cubrir un formulario en papel que se pode recoller e entregar nas dependencias administrativas do Concello, no Departamento de Cultura e nas Bibliotecas Públicas Municipais dos Tilos e do Grilo-Cacheiras. O envío das palabras tamén se poderá facer por correo electrónico a través da páxina web se pinchas aquí e cubres un sinxelo formulario.

 

Elixir a palabra preferida do idioma galego neste caso tamén terá premio. O Concello sorteará un total de 10 libros de temática relacionada con Teo entre todas as persoas que fagan os seus envíos antes do 15 de maio.

 

As palabras máis votadas durante estas semanas serán recoñecidas cun mural que se fará o 17 de maio nas paredes da Piscina Municipal dos Tilos. Por último o Día das Letras o Concello disporá na praza do parque dos Tilos dunha monitora e do material necesario para estampar camisetas coas palabras que os participantes elixan.

 

Nunha primeira recolleita de material realizada entre traballadores e traballadoras do Concello algunha das palabras seleccionadas foron as seguintes: axiña (2 veces), bico (2 veces), bolboreta (2 veces), enxoito (2), Galiza (2 veces), luscofusco (2 veces), abrochos, acubillar, agarimo, alborada, alicerce, aloumiño, amorodo, ámote, angasar, atanguillar, aturuxo, besbelliño, brincadeira, carballo, carqueixa, carraxe, cativo, ceibe, chorima, chícharo, colo, dorna, esmorga, esquecer, faiado, faísca, fervellar, fervellasverzas, fervello, fiestra, landra, lareira, latexo, londra, luvas, manteiga, mañán, maniotas, morriña, pampullo, saúde, sementar, termar, trebello, troco, xalundes, xanela, xeito, xiar

 

Tamén podes votar palabras en galego na enquisa da web aínda que esto non da dereito a participar no sorteo dos libros.

 

Este ano o Día das Letras Galegas 2009 está dedicado, segundo acordou a Real Academia Galega, a Ramón Piñeiro López, home que dedicou un parte da súa vida a reflexionar sobre a situación da lingua galega e a realizar traballos que intentasen mellorar a súa situación na sociedade.

Tilos

Documentación

+ Novas

© 2008 Concello de Teo. Travesía da Ramallosa, nº 38, 15883 A Ramallosa - Teo (A Coruña). Teléfono: 981 81 57 00